About Me

Os galegos aférranse á metade da táboa na XII Semana Olímpica Canaria de Vela


Ata 30 nós de vento impiden o arranque do Campionato de España de Láser na localidade xerundense de Roses

Domingo, 5 de decembro 2010. - Bo arranque da XII Semana Olímpica Canaria de Vela "Trofeo El Corte Inglés", organizada polo Real Club Náutico de Gran Canaria manterá en competición ás unidades ata o próximo 8 de decembro e conta cunha forte representación galega. A cita encóntrase incluída no calendario da Real Federación Española de Vela e Federación Internacional que lle outorga o Grao 3 e que conta con cinco modalidades de clases olímpicas e dúas clases internacionais en calidade de convidadas. 470 masculino, 470 feminino, Láser Estandar, Láser Radial Feminino e RSX Juvenil, Copa de España. O panel de convidados complétano a Formula 18 e a Clase Láser Radial Masculino.
Así, en 470 tras completar dúas mangas César Conde, do Liceo Casino de Vilagarcía, que compite xunto ao balear Maciá Alemany, sitúase na décima praza con 22 puntos mentres que os irmáns Rafael e Andrés Jiménez, do Real Club Náutico de Vigo e Naútico de Cangas, suman 36 e ocupan a décimo sétima da categoría liderado por gregos Panagiotis Mantis e Pavlos Kagialis. Xa en Fórmula 18, de entre os galegos só lograron completar a única proba disputada os irmáns Santiago e Sebastián Estevéz, do Club Vela Playa del Bao, que van novenos na clasificación provisional xeral, que lideran os británicos Willian Sunnuchs e Oli Egan. Os outros dous equipos en liza, os formados por Manolo García e Alexis Parcerisa, baixo a mesma grímpola que os anteriores, e Chisco Catalán e José Quiñones, do Real Club Náutico de Sanxenxo, non chegaron a rematar a tempo polas duras inclemencias meteorolóxicas. En palabras de Manolo García, un dos patróns galegos da expedición a Canarias, "as condicións son duras, envorcamos case todos, con picas de 25 nós complicouse moito a competición e a intensidade era moi variable segundo as zonas do campo de regatas co que non puidemos facer nada por rematar en tempo".
Por último, a representante galega da clase olímpica de Láser Radial Feminino, Beatriz Lence, do Club Marítimo de Canido, tivo que abandonar a competición por problemas de saúde que lle obrigaron a volver á casa, mentres que na categoría invitada masculina Miguel Lorenzo García Lastra, de Sanxenxo, asinou un undécimo con claras posibilidades de recortar posicións nas próximas xornadas. Esta última queda liderada polo español Eduardo Pérez de Ascanio.

Campionato de España de Láser

Pola contra, as unidades que hoxe comezaban a competir polo Campionato de España de Láser que ata o próximo mércores se celebra na localidade catalá de Roses quedaron en terra tras varias probas na auga cun envorcado masivo das embarcacións. Os 30 nós de vento no campo de regatas impediron que se puidesen celebrar as probas previstas para esta xornada inaugural que quedou anulada á espera de que baixe a intensidade e mañá se poida retomar a cita nacional. Ata Xirona están desprazados varios equipos da Selección galega Novacaixagalicia integrados por Miguel Lence, Alberto Basadre e Álvaro Lence, do Club Marítimo de Canido; e Sergio Rodríguez, do Real Club Mar de Aguete, todos eles con moitas posibilidades de acceder ao podio.